Atlas de Histoloxía Vexetal e Animal inicioInicio
IMÁXENES: EPITELIO   ESTRATIFICADO   PLANO   QUERATINIZADO
epitetelio estratificado plano queratinizado

Tegumento: pel
Especie: rato (Mus musculus; mamíferos)
Técnica: Hematoxilina-eosina en cortes de 8 micras de parafina.


O epitelio estratificado plano queratinizado ou escamoso estratificado queratinizado é típico da epiderme de vertebrados terrestres, pero tamén existe nas papilas filiformes da lingua e no padal duro da cavidade oral. Neste corte de pel grosa de rato pódense apreciar claramente os distintos estratos que compón a epiderme.

mitosis
Células en distintos pasos do proceso de división mitótica, localizadas no estrato xerminal.

O estrato basal ou xerminativo está formado por unha soa capa de células que descansan sobre a lámina basal. Nesta capa existen células nai epiteliais que por división e diferenciación darán lugar aos queratinocitos das capas superiores. Na imaxe da esquerda pódense observar varias células en distintas fases do proceso mitótico. Estas células nai divídense activamente por mitose e o proceso de diferenciación comeza coa síntese dos primeiros filamentos de queratina (tipos 5 e 14) e coa migración cara á superficie corporal formando sucesivamente os seguintes estratos. En realidade cada un dos estratos superiores mostra diferentes estados de diferenciación destas células.

O estrato espiñento é o máis ancho da epiderme e as células poligonais aplánanse lixeiramente a medida que se afastan da lámina basal, sintetizando novas queratinas (tipos 1 e 10). As súas células posúen numerosas interdixitacións polo que presentan estructuras parecidas a espiñas. Isto é en realidade un artefacto da técnica histolóxica posto que o aspecto de espiñas das interdixitacións débese a unha retracción da periferia citoplasmática durante o procesamento histolóxico.

O estrato granuloso consta de 3-5 fileiras de células aplanadas e cun citoplasma cargado de gránulos completamente basófilos de queratohialina. O seu contido será importante para posteriormente aglomerar os filamentos de queratina do seu citoplasma.

Finalmente o estrato córneo, que neste caso está altamente desenvolvido, está formado por células mortas aplanadas e cheas de queratina. A súa función é protexer á pel fronte á abrasión, a seca, e á invasión de patóxenos. Prodúcese unha continua descamación das capas superficiais deste estrato, que ocorre coa mesma taxa coa que se incorporan novas células desde o estrato granuloso. O seu grosor depende da zona da pel e é maior naquelas rexións sometidas a continuos rozamentos ou abrasións.

lamina basal
Imaxe do estrato xerminal onde as frechas sinalan a lámina basal, nunha cor rosada escura.

Na base deste epitelio existe unha especialización da matriz extracelular denominada lámina basal que non se aprecia na imaxe principal, pero si na que se mostra á dereita, onde a matriz extracelular tinguiuse máis intensamente coa eosina (as frechas negras sinalan a lámina basal). O tecido subxacente é conectivo laxo que forma a derme. Nótese as interdixitacións que forman os tecidos epitelial e conectivo, as cales permiten unha maior adhesión entre estes dous tecidos por aumentar a súa superficie de contacto. Eses entrantes da derme denomínanse papilas dérmicas.